Friday 03 de May de 2024

Belén do Campo destaca o apoio integral prestado desde a Xunta de Galicia ás persoas con autismo


O Goberno galego mantén diferentes liñas de colaboración coa entidade a través das consellerías de Traballo e Benestar, Sanidade e Educación

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou o centro de educación especial que a Asociación de pais de persoas con trastorno do espectro autista da Coruña (Aspanaes) ten na cidade, onde destacou a importancia deste equipamento, pois “resulta básico para o desenvolvemento dos alumnos con necesidades específicas e para a súa atención individualizada, de cara a obter a plena integración”. No seu percorrido polas instalacións, onde estivo acompañada pola directora, Encarna Rodríguez, e representantes da Asociación de nais e pais dos alumnos, Do Campo fixo fincapé na necesidade de “colaboración permanente e o diálogo aberto” entre a entidade e a Xunta de Galicia para a mellora da atención ás persoas con autismo.

Nesta liña, a delegada territorial destacou o “apoio integral” que se presta desde a Administración autonómica ao colectivo. Aparte do eido educativo, no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten concertadas 119 prazas educativas nos catro centros dos que Aspanaes dispón na provincia –A Coruña, Ferrol, Santiago e As Pontes-, o Goberno galego mantén diversas liñas de colaboración coa entidade, que presta atención a 350 persoas con autismo e conta cun plantel formado por máis de 160 profesionais.

Así, a Federación Galega de Autismo, da que forma parte Aspanaes, ten recibido da Consellería de Traballo e Benestar desde 2009 máis de 800.000 euros para o desenvolvemento da súa actividade e dos seus programas de atención sociosanitaria, de divulgación e de atención especializada. Ademais, a asociación coruñesa mantén este ano un convenio con Sanidade por importe de máis de 7.000 euros para para a realización de actividades complementarias no proceso de atención e rehabilitación das persoas afectadas polo trastorno do espectro autista.

Así mesmo, a máxima representante da Xunta na provincia fixo fincapé na importancia de seguir incrementando os servizos públicos de calidade e, neste eido, sinalou que antes de que remate este ano poranse en marcha 140 prazas públicas de atención diúrna para a discapacidade, polo que se acadarán as 5.000 en Galicia, para as que o Goberno galego destina 50 millóns de euros ao ano ao seu mantemento.

Con respecto á mellora dos servizos, Do Campo insistiu na importancia de garantir unha atención de calidade para o que a Xunta puxo en marcha o modelo de carteira de servizos. Xa se aprobou a da dependencia e seguiranlle as de familia e infancia, persoas con autonomía e inclusión. “A carteira da dependencia inclúe servizos específicos para cada tipoloxía de discapacidade e tamén específicos para as persoas con autismo”, apuntou, á vez que aproveitou para agradecer ás entidades sociais a capacidade de adaptación que están a demostrar a este novo modelo.

Atención temperá
Outro dos avances acadados na mellora da atención da discapacidade é a aprobación do Decreto de Atención Temperá en decembro do ano pasado, segundo resaltou a delegada. Lembrou que o Goberno galego creou por primeira vez en Galicia unha rede de atención temperá que está dirixida a prestar unha atención integral aos menores e as súas familias; avanzar na súa autonomía e calidade de vida; e fomentar a prevención da dependencia.

Por último, Do Campo referiuse á inserción sociolaboral das persoas con discapacidade para o que a Xunta está destinando a diversos programas 17,4 millóns de euros, un 8 por cento máis que o ano pasado.